
Avia Veira, candidata do BNG na Coruña: "No 2012 non sabía ler o informe dun interventor, fun aprendendo moito e queda intacta a vocación"
A concelleira Avia Veira (39 anos) foi ratificada como a candidata do BNG á alcaldía da Coruña para as eleccións de 2027, un paso que asume “con moita ilusión e con moita enerxía”. Tras o anuncio de Francisco Jorquera de non repetir, Veira, nai de tres fillos e veciña de Monte Alto, convértese na primeira muller candidata dos nacionalistas na cidade.
A pesar da “responsabilidade grande”, asegura sentirse “moi preparada” para o reto.
Con máis dunha década na corporación municipal, a propia Veira bota a vista atrás e recoñece a súa evolución. A diferenza daquela concelleira que entrou en 2012, hoxe ten un profundo coñecemento do funcionamento interno do Concello.
Ela mesma admite que ao principio da súa carreira política non tiña coñecementos técnicos específicos.
“Aquela Avia Veira non sabía ler un informe de interventor, non sabía absolutamente nada de urbanismo”, confesa, aínda que subliña que o que se mantén “intacto” é a súa vocación de “responder ás necesidades que teña a xente da Coruña”. Considera que a súa etapa como única representante do BNG no consistorio a curtiu e lle deu unha perspectiva que considera “fundamental para asumir a alcaldía”.
A candidata nacionalista critica duramente a xestión do goberno socialista, ao que lle falta, segundo ela, “unha política máis valente, máis atrevida en materia de vivenda”.
Denuncia que na Coruña hai “pisos a 600.000 euros e xente que paga alugueres que ocupan moito máis dun 50% do seu salario”, e propón como solución controlar as vivendas de uso turístico e aumentar o parque de vivenda municipal.
En canto á mobilidade, cualifica os últimos anos como “anos en balde, anos tirados”, xa que rematou a concesión coa Compañía de Tranvías sen que haxa un novo contrato de transporte público. Reclama máis frecuencias, mellores horarios e unha aposta decidida pola bicicleta e o sector do taxi fronte á “competencia desleal” dos VTC.
O “descuido” tamén se estende, segundo Veira, aos barrios da cidade.
A candidata sinala que “quen teña ollos na cara e vaia polos barrios da cidade, ve como están totalmente descuidados”. Critica o estado das zonas verdes, dos pasos de peóns, das beirarrúas e de instalacións municipais como a piscina de Riazor ou o Fórum Metropolitano, onde “hai caldeiros recollendo as goteiras”.
A candidatura de Avia Veira chega despois de que Francisco Jorquera anunciase a súa retirada.
O histórico dirixente nacionalista explicou que “na política, como na vida, hai que saber pechar etapas” e, con case 66 anos nas próximas eleccións, non se ve “con forzas suficientes para estar na corporación outros catro anos máis”.
No acto de presentación, Veira estivo arroupada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen asegurou que con ela se abrirá un novo tempo na cidade. Pontón describiu a candidata como “unha muller honesta, traballadora, unha muller preparada, feminista e orgullosamente do barrio de Monte Alto”.
Pola súa banda, Veira comprometeuse a liderar “un goberno honesto, comprometido con quen vive e traballa nesta cidade”.













